

Os nosos documentais
Viaxe pola nosa historia
Os nenos e nenas de 3º presentamos o vídeo creado por nós sobre a nosa historia.
​
A partires do século XVI, Cangas empeza a ser citada como vila. Levántase a igrexa, que pasaría a ser Colexiata e constrúese outros importantes edificios como o hospital.
Esta época de gran esplendor económico, baseado na exportación de pescado, viuse truncada pola invasión no ano 1617 duns piratas turcos que arrasan a vila.
Entre 1619 e 1628 numerosas veciñas de Cangas foron xulgadas polo tribunal do Santo Oficio por suposta “bruxería”. O caso mais famoso foi o de María Soliño.
A fábrica de conservas e factoría baleeira Massó de Cangas abriu en 1941. Chegaron a traballar nela 500 persoas de toda a comarca na pesca do atún, baleas e cachalotes, e nos procesos de conserva e envasados. O pobo cheiraba a graxa de balea, ó peirao de descarga chegaban grandes cachalotes, as mulleres cantaban mentres realizaban as arduas tarefas. En 1985 pechou e dende entón a fábrica quedou abandonada.
​
​ Case 30 anos máis tarde os nenos de 6º do CEIP A Rúa, de 11-12 años, recuperan a memoria do lugar, a épica alegre e triste dos oficios e as vivencias a través do diálogo con avós e outros antigos traballadores. Un denso e emotivo retrato dos espazos cargados de historia e historias.
Massó no recordo
Durante os anos 50 moitos galegos deixaron a súa vida de campo, a familia e a súa maneira de vivir, e con pouco máis que unha maleta de cartón, embarcáronse cara ás Américas buscando unha vida mellor. Os barcos saían ateigados de xente dos portos de Vigo e A Coruña, nunha travesía que duraba case un mes. Moitos non volveron. A través das cartas, os emigrantes mantiñan o vínculo cos seus seres queridos.
​
Os nenos de 5º do CEIP A Rúa, de entre 10 e 11 anos, despois de compartir cos seus avós os recordos dos seus bisavós e tataravós que un día tiveron que marchar, constrúen un poético e emotivo relato de dor e medo ó marchar, da interminable travesía, da ausencia, das anheladas cartas, de todo aquilo que deixaban atrás.