top of page

Lagoa da Congorza

  A lagoa da Congorza esta situada en Punta Balea, xusto detrás da Praia do Medio.

 

  Tamén chamada lagoa de Massó, é moi importante por ser a área de descanso, alimentación e cría de numerosas especies animais, especialmente aves como o lavanco, os parrulos, a galiñola... Na lagoa hai 400 especies de plantas, 70 de insectos, anguías , 6 de anfibios, 14 reptís, 140 aves (das que polo menos 23 crían na zona) e 20 especies de mamíferos.

 

  A superficie da lagoa está sempre cuberta dun manto verde.   A auga da lagoa é doce, pero esta moi sucia polo efecto das persoas sobre ela. É un ecosistema protexido polo que é moi importante non tirar lixo.

 

  O seu acceso non é doado de ver, xa que está tapado pola maleza e non está sinalizado.


 

Este é un plano que filmamos na lagoa onde se pode ver unha mostra de como é e que tipo de animais atopamos nela:

O Frendoal

  O Frendoal é tamén coñecido como o Castelo do Conde.

 

Ubicación:  no corazón da parroquia de Aldán, na finca de O Frendoal, tamén coñecida como o Bosque Encantado.

  A finca está situada na estrada PO-315 dirección Cangas-Bueu pola costa, que a divide en dúas partes, pero permite un fácil acceso. Era propiedade dos Condes de Canalejas. Conta co Pazo-Torre de Aldán  e uns xardíns, os xardíns históricos, á esquerda dun castelo con torreón construído nos anos 60. O castelo ten un acueduto, o Arco da Condesa. Fronte a el hai un campo de cricket, xusto diante da fachada principal do castelo, que foi utilizado durante os anos sesenta e setenta. A súa forma é de media lúa e ten unha fila de bancos a un dos lados; semella máis a un pequeno adro que un campo de cricket.

​

  No magosto a paisaxe é impresionante, e algún que outro veciño asómase a recoller castañas.

Montes

Balcón do Rei

   Balcón do Rei esta situado na parroquia de Darbo, en San Pedro.

 

   É un mirador no alto do Monte Carrasco. Dende alí pódese ver toda Cangas, a praia de Rodeira, a Ría de Vigo e as illas Cíes.

 

   Para poder chegar podes ir camiñando, se vives cerca, ou en coche ata o aparcadoiro, despois tes que seguir camiñando porque hai que subir moitas escaleiras para poder gozar da paisaxe.

 

   Moi preto da zona, están os institutos de Monte Carrasco e María Soliño.

 

   Está rodeado de piñeiros e castiñeiros e ao pé do monte ten un estacionamento con merendeiro e tamén con asadores. A uns 150 metros atopamos o petroglifo de Pinal do Rei (a carón da estrada).

O Frendoal
Balcón do Rei
Carballeira de Coiro
O Facho
Punta Couso
Cabo Home

Cabo Home

  Está situado na zona terrestre máis preto das Illas Cíes. Pertence ao espazo natural da Rede Natura 2000, que engloba a Costa da Vela e o  dunar de Barra. Toda a área ten un gran valor natural debido aos seus cabos e acantilados, e a gran diversidade de flora e fauna. Está rodeado pola gran inmensidade do Océano Atlántico.

​

É salientable unha característica xeolóxica moi importante deste lugar: é o único punto do sur de Galicia que ten rocha non granítica, senón xística ("pizarrosa").

 

  Na punta de Cabo Home hai un faro moi bonito e esvelto, un dos faros máis fermosos de Galicia. Na outra punta encóntrase o segundo faro, de cor vermella, que é tan bonito como o outro. En total hai tres faros en Cabo Home: o faro da Punta Robaleira, o faro de Cabo Home e o faro de Punta Subrido. O de Cabo Home e o de Subrido marcan a enfilación da entrada na Ría de Vigo, para así salvar as pedras que hai ó norte das illas Cíes.  Moi preto encóntrase a praia de Melide, un lugar recomendable para comer á sombra.

 

  Frecuentemente vai frío, pero non por iso deixarás de mirar esta paisaxe con vistas ás Illas Cíes, ás Ons, ao mar aberto e á Ría de Vigo e Pontevedra.

 

  Os cantís de Cabo Home son fermosos, se estás neles podes gozar das vistas facendo un picnic, un magnífico plan!!! 

 

  Moi preto está o Monte do Facho, cunhas vistas fermosas das Illas Cíes. “ Facho “ significa “antorcha”.

  Aquí atópanse os restos dun poboado galaico-romano. Preto da zona atopamos tamén, a praia nudista máis popular do Hío: a Praia de Barra. Tamén o fermoso Cruceiro do Hío.

 

  Aos nen@s gustaranlles moito as vistas e a famosa e popular escultura “A Buguina“.


  Os solpores que se ven dende aquí son fermosos, perfectos para sacar fotos impresionantes.

 

 

Alí filmamos un dos nosos planos do mundo:

O Facho

  En Donón, sobre a Costa da Vela, atopamos o famoso Monte Facho. A palabra “Facho” significa “antorcha", xa que neste monte facían grandes fogueiras para avisar ós distintos enclaves de Cangas da chegada por mar dos inimigos.

 

  No cumio do monte  veremos as escavacións dun poboado de cultura celta. Durante o século III era un dos templos de peregrinación máis famosos da península, no que se adoraba a Berobreo, deus da saúde.

 

Os seus 184 m sobre o nivel do mar, non son problema para que dende o alto se poida  divisar: Cabo Silleiro (Baiona), a bocana da Ría de Vigo, illas Cíes, que parecen dende aquí a tiro de pedra, a Ría de Pontevedra coas Illas Ons, toda a Costa da Vela, ata Finisterre, e , sobre todo, a inmensidade do Océano Atlántico.  Non é raro, polo tanto, que se instalasen aquí antigos poboados, xa que era un lugar estratéxico con gran encanto natural.

Carballal de Coiro

 

  Preto da Capela de San Cosme, camiñando por una pista forestal que recomendamos percorrer a pé, encontrámonos co espectáculo do río Bouzós. Baixa dende as terras de Ermelo sobre o val de Coiro, atravesando os espazos máis inaccesibles da Fraga de Coiro. Hai moita vexetación, carballeiras preciosas e varias fervenzas.  É un dos poucos lugares do axuntamento onde aínda podemos atopar o bosque autóctono onde a árbore dominante é o carballo, acompañado de castiñeiros, cerdeiras e sobreiras.

​

Baixo esta cuberta vexetal viven distintas especies de fauna que nutren de vida estes bosques. Paxariños coma os pimpíns, ferreiriños, gabeadores; aves de rapina diurnas coma o azor, gabián, miñato; nocturnas como a avelaiona ou o moucho de orellas, a curuxa, son algúns dos representantes da avifauna.

Entre os mamíferos citamos a presencia do raposo, xabarín, teixugo, xeneta, esquío, … ademáis da comunidade de roedores e micromamíferos como os musgaños.  

​

 O Carballal de Coiro é  un arrecife de vida e cor; de beleza. Declarado Espazo Natural Protexido, conta cunha superficie aproximada de 365 Has. localizadas nos lindes dos concellos de Bueu, Cangas e Moaña. A pesares das continuas agresións a que se ve sometido, (talas indiscriminadas de especies autóctonas e introducción de eucaliptos e piñeiros principalmente), merece a pena unha inmersión polas profundidades desta exquisita arboreda, unha sucesión ou mestura de bosques e árbores que se extende máis alá da zona inventariada como protexida.

Punta Couso

  Punta Couso é un saínte de terra que se mete no mar, cun monte, unha praia, cantís e miradoiros. Está situado en Vilanova (O Hío).


  Ofrece unhas magníficas vistas de praias, bosques e montes da costa Atlántica. Vemos as Rías de Aldán, as Illas de Ons, Cíes e o océano Atlántico.


  Dende Punta Couso pódense realizar camiñatas ata posibles puntos de interese para visitar:

        - Ata Cabo Home cos 3 faros e a praia de Melide.

        - Ata Monte Facho.

        - Ata o cruceiro de O Hío.

 

Praia de Couso:

 

  Os accesos á praia están cortados por urbanizacións privadas. O camiño atópase en moi mal estado. Acceso só a pé. Ten unha lonxitude de 100 m de area e rochas.  As condicións de baño son de augas limpas e frías con oleaxe moderado. Dispón de zona de fondeo. Hai diversa vexetación.

 

A urbanización privada de Punta Couso:

 

  A familia Requejo declarou que era propiedade privada poñéndolle unha barreira, pero non logrou demostrar ante o xuíz que o camiño é, efectivamente, da súa propiedade. O concelleiro Mariano Abalo anunciou que o Concello está decidido a eliminar o portalón da entrada e abrir un expediente para recuperar este camiño. Moita xente levanta a barreira e entra para poder ir ao miradoiro e ao monte.

 

Lagoa da Congorza
Piñeiral de San Roque

San Roque

  A tan só 2 Km do centro de Cangas, subindo cara á parroquia de Darbo, encóntrase o Piñeiral de San Roque.

 

  Trátase dun bosque, poboado principalmente por piñeiros, no que hai varios sendeiros para practicar sendeirismo.


  Xunto ao aparcadoiro, encóntrase a Ermita de San Roque, onde se celebra unha romaría popular a terceira semana de agosto. Os dous piñeiros mansos a ambos lados da capela son centenarios. Dende este lugar hai unha vista aérea espectacular da nosa vila.

 

 

Alí filmamos un dos nosos planos de ficción:

Piñeiral nerga

Piñeiral de Nerga

   Atópase entre Nerga e Barra. Está composto por árbores que poden chegar a medir aproximadamente sobre 3 ou 4 metros de altura, na súa maioría piñeiros.

​

   Hai rutas indicadas para facer a pé, podemos atopar carteis que nos dan información sobre a zona. Salientar as dunas de area branca e fina que cobren tamén zonas de sendeiro. Nelas podemos atopar unha especie de paxaro chamado Píllara que está protexido e cría nesa zona. Para protexer a esta e outras especies, a zona de dunas atópase valada . Tamén, por este motivo non está permitido levar cans soltos.

 

   Hai un bar-chiringuito que só abre as súas portas no verán.

​

  Os paseos ao solpor son moi recomendables pola súa beleza única.

bottom of page